martes, 19 de marzo de 2024

Operación #AltriNon


Operación #AltriNon

Aínda me resoan na cabeza, con toda a súa forza de mensaxe identitaria de protesta, aquelas estrofas de Manuel María da "Cantiga das Encrobas" interpretada maxistralmente por "Fuxan os Ventos":
"Queren encher a Galicia de industrias contaminantes e que o noso pobo siga a producir emigrantes"
Facendo unha retrospectiva rápida da instalación da primeira pasteira na ditadura de Franco, ENCE (Empresa Nacional de Celulosas), un non pode máis que "viaxar" de volta aos anos setenta e rememorar aquel escenario de loitas populares contra o modelo colonial que se estaba desenvolvendo con crueldade e sen ningún pudor na Galiza: o proxecto de construción dunha central nuclear en Xove, a destrución da praia de Baldaio, ou as celulosas en Quiroga e no Anllóns. 
Para este mester criminalmente mercantilista pasáronse polo forro calquera principio básico de conservación da biodiversidade ou criterio de uso sostible dos recursos, co único fin de encher os seus petos de cartos. 
"Visto cos ollos do despiadado capitalismo, a desfeita na nosa Terra só é un dano colateral insignificante"
Primeiro foi o piñeiro o que foi substituíndo ao bosque autóctono, para poucos anos despois comezar coa masiva plantación de eucaliptos cunhas consecuencias desastrosas para o noso monte e para as nosas vidas: monocultivo dunha especie que achega pouco valor, migración da poboación, máis monocultivo para ocupar espazos abandonados, máis empobrecemento do rural, maior migración, etc.
É neste círculo vicioso no que aínda estamos inmersos hoxe os galegos e galegas agardando que algún día se introduza unha variable que altere esta secuencia demencial. 
Nun extracto do NO-DO "Repoblación forestal", do ano 1954, pódense escoitar cousas tan aberrantes coma esta: "La tarea del Patrimonio Forestal del Estado quiere conseguir la defensa de nuestras vegas y nuestros pueblos cubriendo con los brazos verdes de los bosques las tierras estériles, origen de los torrentes y los aludes que siembran la destrucción, aterran los pantanos y cortan los caminos (...) Con estos trabajos de repoblación, zonas que hasta ahora eran estériles o de rendimiento casi nulo, se conviertan en centros creadores de riqueza que abastecerán a las industrias, a la minas y a los talleres de la materia prima indispensable en la mayor parte de ellas"
Desde a perspectiva que nos dan tantos anos de sometemento a este tipo de colonización, recoñecemos o calado da gran mentira dunha industria que non deixa máis que o fomento do cultivo masivo de especies pirófitas e de rápido crecemento, mingallas de pobreza para a xente do rural e enormes beneficios para os perpetradores deste espolio a gran escala. 

 "Que barbarie ambiental e ecosocial tan deplorable"


        Deserto verde: eucaliptos.

Redeseñar o mapa da totalidade dos recursos enerxéticos "a futuro" ven sendo algo así como establecer o modelo de sociedade que queremos implementar para as nosas fillas e fillos. Non mesmo contexto: mudar a relación das interaccións no binomio Natureza/Humanidade, e establecer unha nova correlación de forzas para que a economía do sistema-mundo poida saír do colapso que vén cunhas garantías mínimas de pervivencia, son dúas das máis importantes e urxentes accións humanas capaces de xerar a única dimensión crediticia dun futuro sustentable. 

"Ademais, e virando o sacho cara o noso rego, estas dúas premisas son a base conceptual da necesidade perentoria dunha "Operación #AltriNon", participada por todos os actores políticos e sociais de progreso e por toda a xente do común con, nada máis que sexa, un pouco de conciencia medioambiental e de futuro para a nosa terra"

          Presa e encoro de Portodemouros no río Ulla.

Extrapolando a contextualización global ao noso, atopámonos inmersos nunha serie de políticas ao máis alto nivel (europeo, estamos a falar), que pretenden, en aras desa tan traída e levada “descarbonización”, de aquí ao 2030 como primeiro horizonte, guiarnos cara o obxectivo de reducir as emisións nun 55% como mínimo, e garantir unha “transición equitativa e socialmente xusta”. 
Pois, ou eu teño un cerebro nivel “parvulitos”, ou non captei moi ben o significado que lle dan as lexisladoras e lexisladores europeos aos conceptos “equitativa” e “socialmente xusta”. Hai moito tempo que somos parte do cu desa Europa periférica na que todo vale, e que se utiliza colonialmente para fornecer de recursos e servizos a esa outra parte do noso continente que intensifica coa imposición das súas políticas as diferenzas económicas e sociais entre os países europeos, e entre os Estado-nación e as nacións sen Estado.
Cal é a equidade e onde está a xustiza? Ou debería preguntarme que parte das investigacións e das análise sobre o emprego, sobre as capacidades e aspectos sociais e distributivos da transición ecolóxica etc., interactúa con ese capital que segue a desenvolver unha economía de enclave? A Europa do Pacto Verde non pode apoutar o futuro da Galiza a dous “monocultivos”, por desgraza, aínda en fase intensiva: eólicos e eucaliptos. 
E por que non pode? Porque, como sociedade temos que ter capacidade para decidir sobre o noso; se non, de que xustiza social estamos falando? Se unha porcentaxe importante de galegas e galegos nos reviramos para impedir esta desfeita ambiental, se dicimos que #AltriNon, e nos posicionamos en contra deste tipo de industrialización é porque NON TODO VALE!
Queremos emprego e queremos a ampliación do noso tecido industrial, pero non á conta de poñerlle data de defunción aos nosos ecosistemas terrestres, fluviais e mariños, e interromper de maneira irreversible o ciclo da auga, desde o molecular ata o ecosistémico.
"O proxecto Gama de Altri chuparía 46 millóns de litros de auga do Ulla ao día, máis que toda a provincia de Lugo e a cidade de Santiago de Compostela xuntas "
Poñer auga nas canalizacións de Altri significaría tamén estender ata o infinito o modelo de explotación forestal do monocultivo de eucalipto; ese aberrante modelo de plantacións destinadas a producir madeira de baixo custo para a industria pasteira, que desprazan o bosque nativo, ocupan ilegalmente terras agrarias de cultivo ou da gandería en extensivo e ameazan a integridade e o benestar das comunidades locais polo aumento do risco de incendios, a afectación dos mananciais e a destrución da identidade, intimamente relacionada coa paisaxe ancestral.

      Proxecto de Altri en Palas de Rei.

Na “Declaración de Barcelona” de 1998, BNG, PNV e CiU xa falaban dunha "falta de recoñecemento xurídico-político e mesmo da asunción social e cultural das nosas respectivas realidades nacionais no ámbito do Estado", e tamén a nivel da Unión Europea. E non estamos a tentar establecer posicionamentos de nacionalismo emancipador, que tamén, senón de poder político suficiente para poder ofrecer respostas propias aos retos do século XXI. Do mesmo xeito, no contexto socio-político actual, imos ter que volver xogar a baza da presentación dunha candidatura conxunta, BNG, Bildu e ERC, ás eleccións europeas. 
Pero, é dabondo con isto para defender os nosos intereses por Europa adiante, ou hai que idear unha metodoloxía e unha estratexia diferente para confrontar coas políticas institucionais? 
Comecemos por onde agora mesmo se pode facer algo ao respecto: se o Goberno central quere os apoios para sacar adiante esta lexislatura, que poña as penas no carto, e que mire moi moito a que proxectos se lle conceden, por exemplo, os PERTES de descarbonización industrial.
"Hai moito tempo que temos conciencia de todo isto, e por iso hai que pararlle os pés!
Primeiro, Nadia Calviño dicía deixar Altri fóra do novo paquete de axudas estatais "por criterios europeos". Moi poucas datas despois o titular de Industria, Héctor Gómez, na antesala das eleccións do 23-J, sentenciaba: "Este PERTE contribuirá a modernizar nuestra industria para afrontar con éxito la transición ecológica apostando por el fomento del uso de energías renovables, la protección del medio ambiente y el avance hacia la economía circular. Queremos que España lidere la revolución verde industrial a nivel europeo y el PERTE va a ayudar a conseguirlo. Y Altri presenta un proyecto extraordinario que encajaría con los objetivos de nuestra apuesta hacia la descarbonización". 
E xa por fin, no cume da incongruencia, a principios deste ano o Ministerio de Industria, con Jordi Hereu á fronte, abría a billa do PERTE polo que suspiran Altri, Ence e Alcoa. 

        Información do estado das masas de auga.

Isto que vén dar? Estamos loucos ou que pasa?
Que criterios cambiaron para que agora o proxecto da megapasteira  poida entrar nesa inversión de carto público?  A día de hoxe, e non habendo ningún cambio significativo nun proxecto que fai unha fragmentación fraudulenta de libro, porque é legalmente inaceptable que o proxecto de captación de auga se someta a exposición pública separadamente do proxecto industrial da fábrica de celulosa,  e que implementa, disque, a construción dunha planta de celulosa soluble e unha fábrica de fibras téxtiles da que se descoñecen practicamente todos os aspectos técnicos. A captación de auga é parte inseparábel dun complexo industrial único e, neste sentido, a lexislación esixe que sexa sometido a exposición pública na súa integridade para que se teñan en conta os verdadeiros impactos ambientais do proxecto completo. 
Segundo ADEGA, as pasteiras de ALTRI e ENCE aspiran a captar fondos PERTE para a descarbonización industrial "malia incumpriren as condicións dás axudas e o marco normativo europeo". Amén! Doutores tén a igrexa.
Noutra orde de cousas pero coa mesma liña de afectación ao noso, o 28 de febreiro de 2021 foi constituída pola Xunta de Galiza unha “Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos dá Galiza”, e para xestionar e impulsar os fondos europeos Next Generation. En abril do mesmo ano pónxelle nome ao proxecto, Impulsa GaliciaNo seu capital figuran as achegas da Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). De verdade queremos unha Galiza xestionada única e exclusivamente polos intereses espurios do capital, coa conivencia dos políticos e políticas de quenda, que despois pasarán facer parte dos consellos de administración desas empresas que nos mangonean? 
Non somos tan parvas e parvos, ou?

Para rematar, só dicirvos que, se cadra, se todas e todos arrimamos o ombreiro, e presentamos este modelo de alegacións que atoparedes na Plataforma por unha Ulloa Viva contra o Proxecto Gama de Altri; se cadra, dicía, somos quen de mudar a deriva desta desfeita! 


 



 



venres, 27 de outubro de 2023

PALESTINA: 75 anos de sometemento e aniquilación.




Unha terra sen pobo, para un pobo sen terra: unha falacia e un mito

Un ten desde hai moito tempo un concepto establecido de diferentes temáticas que a realidade vai sacando a colación para, se cabe, aportar unha nova argumentación no abono desa causa. Mais é duro asimilar que as últimas manifestacións de violencia, horror e devastación son a constante dun período de tempo xa moi longo non conflito árabe-israelí. O concepto que eu teño establecido da materia que hoxe nos trouxo ata este punto pode resultar un pouco duro de roer, así, en cru; pero coido, sen temor a cometer ningunha inxustiza nin pena de conciencia, que o Estado de Israel é unha etnocracia sen fronteiras que xustifica unha severa discriminación, e que a practica cunha parte dos seus cidadáns invocando o mito da nación eterna, reconstruída na “terra dos seus antepasados”. E teño que aseverar sen darlle pábulo a incerteza: que nin o pobo xudeu sufriu os grandes éxodos que mitifica a súa relixión, nin o territorio que agora ocupa o Estado de Israel fora nunca unha terra valeira ata a súa ocupación, máis ben todo o contario.

Hoxe como onte, o problema inmemorial da cuestión palestina segue emocionando á xente. Irresoluble, como a cuadratura do círculo, segue a ser o tema máis urxente da orde do día. Isto é así porque nos atopamos ante un problema de interese internacional que esixe unha solución ineludible e impostergable para poñer fin a unha crise humanitaria sen precedentes.

 O infame Estado de Israel

Un Estado que naceu da usurpación de terras aos seus verdadeiros e lexítimos poboadores nunca trouxo ningunha consecuencia positiva, nin sequera para o pobo xudeu. Canto máis, se o que tiñan xa in mente os dirixentes dos primeiros colonos era unha constante e progresiva limpeza étnica do elemento hostil para os seus espurios intereses: o pobo árabe palestino. Facer hoxe aquí, neste breve escenario de divulgación, unha síntese cronolóxica do que significou e significa o nacemento e establecemento do Estado de Israel, soamente tería o valor de mostrar o mosaico dunha cuantificación e cualificación numérica e semántica desa gran inxustiza. Por tanto, creo empregar mellor o meu tempo e máis o voso se intento facer unha descrición sinxela das súas políticas infames:

1. A política de ocupación de Israel na terra árabe constitúe unha clara violación das regras e leis de ocupación militar relativas ao Acordo da Haia e ao Convenio de Xenebra. Esta vórtice voraz de violencia do Estado de Israel tamén viola os principios dos dereitos humanos e infrinxe o dereito do pobo palestino a lograr a autodeterminación: un dereito que lle garante o dereito internacional, a Carta das Nacións Unidas e outros acordos internacionais. Cando a ONU aprobou unha resolución que pedía a partición de Palestina, recoñeceu o dereito do pobo palestino á autodeterminación, xa que o plan de partición permite o establecemento dun Estado árabe palestino, un dereito que se mantén no presente e que aínda non tivo a súa implementación orgánica a día de hoxe.

2. A política de asentamentos tamén vulnera o principio de igualdade reclamado en máis dun artigo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Isto é especialmente así porque os asentamentos están construídos exclusivamente para xudeus, están separados do resto dos habitantes dos territorios ocupados e están pechados aos palestinos, tanto musulmáns como cristiáns. Ademais, as autoridades israelís estableceron sistemas xurídicos e xudiciais específicos para os asentamentos, nos que os colonos están suxeitos a un conxunto de leis e tribunais de xustiza e os habitantes palestinos a outros completamente diferentes. Tal política só pode ser vista como discriminatoria, non moi diferente ao apartheid que foi constantemente condenado pola ONU e varios organismos internacionais.

Desde a miña perspectiva pacifista a admisibilidade do uso da loita armada, que pode considerarse na aplicación do dereito de lexítima defensa como un dos medios para a consecución da autodeterminación, está fora de toda lóxica consecuente, humanitaria e de futuro do pobo palestino. Pero entón, ¿como debe actuar a Comunidade Internacional para que acabe dunha vez por todas o exterminio deste pobo?¿Como se pode presionar a Israel para que se retire dos territorios que ocupou pola forza e en clara violación das resolucións da ONU? Estas son cuestións que só se poden contestar se todos e todas puxamos para que se resolva esta enorme inxustiza, se a universalización da causa empeza desde este mesmo intre a significar cambios sustantivos no imaxinario colectivo e nos intereses xeoestrátexicos dos dirixentes políticos que apoian as políticas do Estado israelí.

A fin da barbarie, por forza ten que chegar.

Expoñer nestas poucas e insuficientes liñas o meu parecer sobre o horror do sufrimento a que está sendo sometido desde o ano 48 do século pasado o pobo palestino, aínda vendo o seu holocausto desde un lonxe espacial, faime sentir un arrepío extremo que espero transmitirvos. Ficar perplexo e "cariacontecido", e preguntarse de que serve que a décima Sesión Especial de Emerxencia da Asemblea da ONU contase con 110 relatores, ou que poder de cambio achega que o seu presidente inaugurase a sesión pedindo o cesamento do fogo inmediato e incondicional, coa apertura de corredores de axuda humanitaria, se a escalada de violencia está a ser a máis grave en moitas décadas, tampouco vai traer ningunha consecuencia se como sociedade non nos movilizamos masivamente para que esta masacre remate dunha vez por todas. 

É necesaria unha acción urxente que evite estes niveis espantosos de sufrimento humano. As cifras de feridos e mortos de poboación civil, de nenas e nenos, estanse a volver arrepiantes. Se a isto lle sumamos unha nova, e máis que probable, ofensiva terrestre das forzas israelís sobre o territorio de Gaza con consecuencias catastróficas para a súa poboación, o cariz do escenario xa torna apocalíptico de vez. 

Dicía o observador permanente do Estado de Palestina, Riyad Mansour, na súa última comparecencia na Asamblea da ONU: "Estamos reunidos aquí mentres os palestinos de Gaza están baixo as bombas, estamos falando mentres as familias están sendo asasinadas, mentres os hospitais están paralizados, mentres os barrios son destruídos, mentres a xente foxe despavorida. Non hai tempo para chorar", dixo entre bágoas, sinalando o crecente e inxente número de vítimas mortais. E rematou:

"Se non o paran por todos os que morreron, páreno por todas e todos que aínda se poidan salvar". 

¡¡¡Que así sexa!!!



xoves, 19 de outubro de 2023

Falando sen complexos da eólica mariña




As renovables, os nosos representantes políticos e as súas políticas

¿Podemos afirmar con rotundidade que a eólica mariña cumple coa máxima ineludible da sustentabilidade? Desde o punto de vista medioambiental e socioeconómico vai ser que non. Vai ser que temos xente por Europa adiante que nos conta a feira como lle vai nela, e non contentas e contentos con non ser embaixadores e defensores do noso, son bufóns do poder das grandes corporacións e "correveidiles" da matraca discursiva desa marca política que nos desgoberna desde o 2009 a esta parte. 
Foi nese "annus horribilis" cando, cal elefante en cacharrería, chegou o Sr. Feijoo á presidencia da Xunta optando polo gas como enerxía estratéxica, "para acadar a máxima competitividade da economía", dicía;  e non tardou nin catro meses, argumentando "tachas de legalidade", en anular o concurso eólico do bipartito, que incluía a participación pública nas empresas que instalasen muíños, e a obriga de realizar programas industriais nas comarcas afectadas. 
Houbo manchas de legalidade, si; pero non as denunciadas polo agora líder estatal do Partido Popular, senón as derivadas das súas présas por derrogar as políticas do goberno anterior (o que se traduciu en pagos de millonarias indemnizacións ás empresas afectadas). ¡Un lince das renovables e da boa xestión, vamos! 
E agora din que queren darlle a volta á tortilla coa futura Lei de Recursos Naturais; unha lei para que, según os seus "manufactureiros", os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia. ¡Pois nada, que nos siguen a tomar por parvas e parvos! 



A eólica mariña nos obxectivos do Pacto Verde Europeo.

Abundando na sustentabilidade desta industria, os auditores do Tribunal de Contas Europeo, nun informe titulado "A enerxía renovable mariña na UE" , veñen de dicir que as implicacións socioeconómicas do desenvolvemento das renovables mariñas non foron estudadas con suficiente profundidade, e que moitos aspectos ambientais aínda están por recoñecer e estudar axeitadamente. Aínda que a estratexia da UE tenta aliñar esta industria coa conservación da biodiversidade, a Comisión Europea non avaliou as súas posibles consecuencias ambientais. Alguén se preguntaba nun artigo que lin hai poucos días, se "entendemos bien lo que es este tipo de energía". Pois si, algo imos entendendo. E tamén sabemos as consecuencias de ser uns arrimados á prédica oficial institucionalizada. Sen o contrapeso dunha réplica ben argumentada a ese discurso, apoiada por un amplo espectro social,  "avanzamos" sempre en contra dos intereses do común. Claro que sabemos que fai falta enerxía para mover as nosas vidas; de igual xeito que nos damos conta que hai que deseñar un sistema enerxético sostible fundamentado, na medida que se poida, nas enerxías renovables. Do que queremos que se dean conta, os (e as) que levan a agulla de marear, é que estamos fartas e fartos de levar posto sempre un traxe a medida dos seus intereses, e de que os nosos recursos sexan tan só para proveito dos que veñen a colonizalos
Todas as grandes incógnitas pendentes de estudo sobre como afectan estas instalacións aos ecosistemas, fan que invocar o "Principio de Precaución" antes de continuar co seu desenvolvemento nos nosos mares sexa o máis coherente: porque non se pode xogar coa natureza nin co futuro de moitas familias antes de coñecer as súas consecuencias. Non hai ningún tipo de estudo do que pode ocorrer nin dos efectos secundarios que se poden producir no medio mariño. Sabemos que unha visión mercantilista e sesgada do medio ambiente dos que toman decisións de conservación contribúe a agravar a crise da biodiversidade. Antes que calquera outra, a mellor medida para loitar contra o cambio climático é a preservación dos ecosistemas: isto, coido, pódeo entender calquera que non teña coartada a súa vontade por intereses espurios.

 En canto ás sinerxías que poden xurdir coa acuicultura ou coa pesca, estes auditores manifestan que existen poucos proxectos de uso compartido comercialmente viables dentro dos parques eólicos mariños, e sinalan como único exemplo (¡vaia por Deus!) unha concesión das autoridades holandesas para probar novos métodos de cultivo de mexillón offshore nunha das poligonais mariñas. En canto ao sector pesqueiro, o informe destaca que existe un "conflito persistente", e a oposición ás enerxías renovables mariñas "moitas veces xorde durante a avaliación do proxecto" e non antes. Hai artigos, manifestos, comunicados, etc., que revelan un plan concertado cunha finalidade moi clara: crear un clima de opinión favorable a determinados proxectos de renovables. Poñer na mesma frase “enerxía renovable marítima” e “futuro do mar”, aínda que este último sintagma leve signos de interrogación, pode resultar cando menos contraditorio, e desde logo contraproducente para os intereses dos que teñen no binomio mar-industria o seu modo e medio de vida. O futuro do mar pasa por conservar os seus ecosistemas e non por inzalo de plataformas xigantes zoando cos xiros das pas de centos de metros. E senón que llo pregunten as xentes do mar de Viana do Castelo, onde os caladoiros que rodean os muíños flotantes están baleirados de fauna mariña asustados polo ruído das máquinas.


Coa relación Galicia-Europa a voltas.

Cando nos anos 80 os gobernos, da UCD primeiro e despois do PSOE, realizaron a traumática reconversión industrial, en Galicia traballaban no sector naval uns 17.500 traballadores, que representaban o 10% do emprego industrial. Foron máis de 10.000 os afectados polos plans estatais de reconversión dos estaleiros e unhas 6.600 persoas quedaron no paro. O persoal de Astano en Ferrol, e Vulcano e Ascón en Vigo foron os que máis sufriron a reestruturación da industria, e a sombra dos despedimentos deu paso a un gran conflito social que saíu á rúa en forma de grandes manifestacións e disturbios. Fomos, sen punto de comparación, a comunidade autónoma máis afectada polo tratamento de choque que supuxo o desmantelamento de boa parte do tecido produtivo nacional (o noso), así como a venda dos sectores máis rendibles ao capital internacional. Daquela, por incorporarnos ás políticas europeas tocounos pagar un prezo moi alto, que aínda hoxe trae rabo.
¿Que nos trae hoxe Europa? Megavatios a esgalla: a instalar nos nosos montes e nos nosos mares, sen contar cunha lexislación que nos permita, como pobo, como sociedade, tomar partido. 



Todo baixo a premisa do "colonialismo enerxético".

¡Que Galicia teña que acoller casi a metade da eólica mariña que se despregue en territorio español é unha cuestión "insostible" baixo calquera parámetro! 
Xa nos primeiros anos do século XXI estaban integradas, en España, todas as novas enerxías renovables (eólica e fotovoltaica) que se podían integrar, e simplemente xa non hai espazo para máis por razóns técnicas de estabilidade do sistema eléctrico, entre outras. Ata que comezou a nova febre renovable baixo o calor dos fondos Next Generation EU, non había lugar nin para un quilowatio.hora máis no deseño de Red Eléctrica. ¿Que está a pasar para que haxa tan desproporcionado auxe de proxectos de enerxía eólica terrestre e mariña? Pois que se acaban os combustibles fósiles e os responsables financeiros do novo paradigma enerxético non queren nin oír falar de decrecementoUn despropósito de dimensións oceánicas.
Según Antonio Turiel, investigador científico do CSIC, "Las dos tecnologías en las que se confía para aumentar el consumo de electricidad —el coche eléctrico y el hidrógeno verde— no pueden masificarse debido a sus necesidades de materiales escasos (léase litio,cobalto, etc), dependencia de energía fósil e ineficiencia". ¡Pois estamos apañados! ¿E entón, para quen e por que estamos a implementar este deseño de producción inxustificada? Xa, claro, vai ser porque a avaricia dos señores que engraxan os mecanismos da engrenaxe do sistema neoliberal non atopan outro lubricante que non sexan cartos a moreas.
Eu non son máis listo que ninguén: ¡Deus che me aparte de tales ocorrencias! O que si debo ser é máis coherente que moitos e moitas que, nun eido ou noutro, están a levar o temón e os remos da nosa nave. E si, hai que ter amigos e amigas ata no inferno... pero semella que o inferno, para nós e para o noso,  pode estar dentro do linde dos marcos de só dúas letras: EU.

                                                                                                                                        Vítor do Canteiro